Ponte do Porco atópase nunha fermosa paraxe na desembocadura do río Lambre, que forma neste lugar unha diminuta ría cunhas beiras arenosas que forman a praia da Alameda.
Ponte do Porco pertence ao Concello de Miño, en concreto á parroquia de Miño. Pódese chegar pola N-VI circulando polo tramo A Coruña-Ferrol, ou a través do tramo da Autoestrada A-9 que tamén une estas dúas cidades.
Se nos achegamos pola Autoestrada terémola que deixar na saída da Praia Grande de Miño, e desde aí coller a N-VI cara á Coruña.
Ademais da súa comunicación por estrada, este fermoso lugar ten comunicación a través do ferrocarril, sendo a parada máis apropiada a de Miño.
O concello
Miño é un municipio costeiro situado na Ría de Betanzos, no denominado "Golfo Ártabro", que ostenta desde o ano 2000 a denominación de "Municipio Turístico", outorgada pola "Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo" da "Xunta de Galicia". Limita ao norte co municipio de Pontedeume, ao leste co de Vilarmaior e ao sur cos de Paderne e Irixoa.
A súa situación privilexiada convérteo nun dos centros de veraneo máis importantes das Rías Altas.
Ten unha extensión de 35 Km cadrados, onde reside unha poboación de 5000 habitantes distribuídos nas oito parroquias que o conforman: Bemantes, Callobre, Carantoña, Leiro, Castro, Miño, Perbes e Vilanova.
A súa situación coloca a Miño moi preto de lugares importantes da provincia da Coruña, de tal modo que A Coruña e Ferrol quedan a 20 minutos, Betanzos, Pontedeume e Sada escasamente a 10 minutos e Santiago de Compostela a 45 minutos.
Os nosos visitantes
Algúns personaxes con gran importancia na historia pararon en Ponte do Porco. En concreto John Adams e o seu fillo John Quincy Adams, segundo e sexto presidentes dos Estados Unidos de América xantaron no mesón que se encontraba preto á antiga ponte de Ponte do Porco, o 15 de Decembro de 1779 cando se dirixían dende Ferrol á Coruña.